O proxecto Concertos Necesarios nace en 2018 dunha premisa tan evidente como reveladora: a acción cultural non só non consegue integrar a públicos diversos, senón que en moitas ocasións constrúe unha contorna disuasoria para a súa participación. Partindo desta realidade -que abrangue a sociedade no seu conxunto- e coas ideas e complicidade do músico Xacobe Martínez Antelo, Concertos Necesarios leva a música a centros hospitalarios, residencias de maiores ou asociacións dedicadas a persoas con capacidades diversas.
Si, os escenarios deste proxecto non son os usuais no mundo da música ao vivo: o Hospital Psiquiátrico de Conxo, a Cociña Económica de Compostela ou a sede da Asociación de Paralise Cerebral da cidade da Coruña acolleron xa os Concertos Necesarios. No deseño da programación e da produción deste proxecto escapamos da idea de concerto didáctico ou espectáculo adaptado. A música, como creadora de espazos de comunicación, forma parte da vida social das persoas, sexa cal sexa a súa idade, condición ou lugar de residencia.
Esa é a esencia dos Concertos Necesarios: contribuír a integración e desenvolvemento, pero sobre todo provocar o goce da música pola música, fomentando a expresión emocional naqueles públicos moitas veces excluídos da cultura. A música non é un privilexio, senón unha linguaxe universal. A que queremos falar nos Concertos Necesarios.